O novo logotipo incorpora o imagotipo dunha cova, un símbolo que resulta especialmente representativo da historia e da identidade de Valdeorras e reforza a súa identidade.
Valdeorras presentou este mércores a nova imaxe da súa Ruta do Viño nun acto que reuniu representantes institucionais e do sector enoturístico. Entre os asistentes atopábanse o alcalde de O Barco, Aurentino Alonso, e o alcalde de O Bolo, Miguel Ángel García, ademais de responsables do proxecto e creadores de contido invitados a coñecer o territorio.
A deputada especial para Valdeorras, María do Carmen González, abriu o acto cun mensaxe centrado na identidade da comarca. Defendeu que «Valdeorras é viño e é lousa», dous elementos que, segundo comenta, «casan moi ben» e definen boa parte do carácter e da actividade económica do territorio. González subliñou que Valdeorras é «unha comarca dinámica, nobre e xenerosa», e que debe proxectar con firmeza cara ao exterior o seu potencial turístico, gastronómico e produtivo.
A deputada insistiu en que o territorio non necesita «vitimismo», senón recoñecemento. «Valdeorras arránxase soa», sinalou, reivindicando a capacidade da comarca para seguir crecendo, atraer emprego e ofrecer oportunidades ás familias que viven nela. Tamén destacou a importancia de acoller ás persoas que chegan para traballar na zona e de seguir xerando un contorno capaz de garantir «un salario digno ao final do mes».
Sobre o novo material audiovisual que forma parte da renovación, González confesou que aínda non o vira, aínda que sabía que «era impresionante» e que «reflicte de forma moi realista a nosa realidade». Agradeceu especialmente o traballo de Montse, Marcos (Prada Ginzo) e Víctor na coordinación do proxecto, a quen cualificou de «moi perfeccionistas» polas numerosas revisións realizadas antes de chegar á versión final.
Tras a intervención institucional, tomou a palabra Montse Rodríguez, vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, quen trasladou en primeiro lugar un saúdo do presidente da asociación, Marcos Prada Ginzo, que non puido asistir ao acto pero remitíu o seu apoio á iniciativa.
Rodríguez explicou que a renovación forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en destino da Asociación GDR de Valdeorras, dentro do proxecto Valdeorras Ruta do Viño Milenaria. Grazas a este plan desenvolveuse un novo logotipo que incorpora o imagotipo dunha cova, un símbolo que, segundo comenta, resulta «especialmente representativo» da historia e da identidade do territorio e reforza a singularidade de Valdeorras.
A ruta conta tamén cunha nova páxina web, xa activa en rutadelvinovaldehorras.com, deseñada para facilitar a planificación de visitas e ofrecer unha imaxe máis actual, coherente e accesible. Rodríguez avanzou que en breve executarase o plan de formación incluído no proxecto, con cursos de marketing en liña, creación de experiencias enoturísticas, cociña quilómetro cero, formación específica para hostalería e para guías e empresas de turismo activo. Unha iniciativa que cualificou como «fundamental para seguir avanzando na profesionalización e na calidade da oferta enoturística».
O acto reuniu ademais creadores de contido especializados, invitados a percorrer adegas, patrimonio cultural, natureza e enclaves vinculados ao viño. Está previsto que nos próximos días recorran varios dos establecementos asociados para promocionar o destino.
Rodríguez pechou a súa intervención agradecendo a todas as partes implicadas e, especialmente, ao GDR Valdeorras, cuxa colaboración considera clave para sacar adiante este proceso de renovación. Lembrou que o obxectivo é «construír unha Ruta do Viño recoñecible, coherente e capaz de transmitir quen somos», reforzando así o posicionamento de Valdeorras como destino enoturístico de referencia.