O Festival Entre Covas Valdeorras é unha proposta cultural da Ruta do Viño de Valdeorras que pon en valor as covas como patrimonio único a través de experiencias enogastronómicas e artes escénicas.
Estes actos culturais serán: un espectáculo de maxia, un concerto de música tradicional oral galega, e a representación dunha peza de danza contemporánea que se celebrarán durante tres venres nos meses de xuño, xullo e agosto.
Alcance da proposta
O festival “ENTRE COVAS” materializarase a través da celebración de tres experiencias enogastronómicas nas covas. Trátase de encontros destinados a dar a coñecer o principal recurso patrimonial que ten a Asociación da Ruta do Viño Valdeorras, que son as covas, dándolles un uso diferente ao habitual. Cada un destes encontros terá como obxectivo poñer en valor diferentes artes escénicas.
Cada un destes eventos ten un aforo limitado a 50 persoas debido á reducida capacidade destes espazos. O primeiro dos eventos terá lugar na Cova da Xabreira, no entorno das covas de Seadur, o día 20 de xuño ás 20:00 h. O segundo dos eventos celebrarase en As Pinguelas, combinando tres covas de adegas asociadas. Recibirase aos asistentes en Melillas cun viño e visita á cova, para posteriormente realizar o concerto en Joaquín Rebolledo e rematar diante de Alan coa degustación de viños e pinchos. Este evento terá lugar o día 18 de xullo ás 20:00 h. O último dos eventos será na Bodega Blare no concello do Barco o día 19 de setembro ás 20:00 h.
Os artistas escollidos para levar a cabo cada unha das propostas son os seguintes:
1.- Espectáculo de maxia 20 de xuño en Seadur ás 20:00 h (Cova da Xabreira)
Joshua Kenneth
DEGUSTACIÓN DE IMPOSIBLES
Degustación de imposibles é unha obra apta para todos os públicos creada polo ilusionista guiri-galego Joshua Kenneth. Nesta selección de imposibles que se fan realidade, a percepción do público distórcese con impactantes elementos visuais e poéticos como post-it de xabón, paos de seda ou sombras chinesas. Setenta minutos de asombro, humor e misterio mesturados cun pouco da historia do ilusionismo. Unha experiencia interactiva, divertida e artística que invita ao público a entrar nun mundo onde todo pode transformarse e nada é imposible. Este formato de Joshua Kenneth é maxia de preto, perfectamente adaptable a espazos pequenos, un espectáculo personalizado no que Joshua crea momentos de maxia nos que a Ruta do Viño e as Covas poden ser protagonistas, empregando unha imaxe, o propio nome ou o que se considere de interese.
2.- Concerto de música tradicional oral galega 18 de xullo en A Rúa ás 20:00 h (Covas de Adega Melillas, Joaquín Rebolledo e Alan de Val)
Carmela
MÚSICA | Tradicional
Carmela é un proxecto musical que basa o seu repertorio na tradición oral galega, a través do canto e da percusión manual como elementos definitorios. Iniciando o traballo desde informantes e arquivos musicais, o obxectivo do proxecto é trasladar aos escenarios a esencia destas melodías acompañadas dunha visión propia e actual, empregando non só criterios estéticos, senón tamén outros vinculados á análise musical e ao contexto da música coa que se traballa, un achegamento que suma a investigación etnomusicolóxica coa interpretación e arranxo musical. Carmela utiliza a tradición como unha entidade flexible e plástica que se adapta ao contexto musical actual a través de sons que van desde percusións ata referencias electrónicas. Un proxecto diferente no seu discurso tanto musical como extramusical que sitúa a tradición oral e a perspectiva de xénero no centro.
Carmela é a visión musical da tradición oral de Carme López, un proxecto que naceu en 2022 subíndose aos escenarios con diferentes propostas escénicas, e que en novembro de 2024 lanzou o seu primeiro álbum: Venid todas (editado co selo Microscopi). A presentación deste disco constará dun directo en formato trío.
3.- Representación dunha peza de danza contemporánea 19 de setembro en Vilanova ás 20:00 h (Cova de Bodegas Blare)
Fran Sieira
UN BAILE CEIBE
DANZA
Tras o éxito de Demente, Fran Sieira Compañía de Danza presenta CEIBE, unha peza contemporánea reflexo da danza e música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición. Ceibe afonda en como o xénero está presente en diferentes ámbitos, incluíndo unha manifestación cultural tan importante como a danza tradicional.
Ceibe busca entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. Reflexiona sobre as categorías de xénero e os estereotipos socialmente impostos para distanciarse da normatividade e arrastrala cara ás marxes, desde onde se constrúen novas formas de entender o corpo e o movemento.
En cada un destes eventos, ademais do espectáculo, os asistentes poderán desfrutar de tres viños das seis referencias dispoñibles das adegas asociadas á Ruta do Viño, e de pinchos fríos servidos por Cova da Xabreira, Paladium e Pazo del Castro, incluídos no prezo da entrada. O custo da entrada por espectáculo é de 25 €. Aqueles que desexen asistir aos tres espectáculos poderán adquirir un bono con un custo de 60 €.
As entradas pódense adquirir na tenda de música Tono e Son en O Barco ou a través do seguinte FORMULARIO
Ademais, os asistentes ao festival desfrutarán de condicións especiais nos aloxamentos Rectoral de Seadur, Pacio do Sil e Pazo del Castro.