Éxito da segunda cita de “Sabores de Outono” en Sobradelo

Sabores de Outono en Sobradelo Valdeorras

A Ruta do Viño de Valdeorras celebrou o pasado 28 de novembro, ás 20:00 h, a segunda cita da súa proposta enoturística “Sabores de Outono”, un encontro pensado para poñer en valor os produtos de tempada e os viños da comarca. A actividade tivo lugar no Aloxamento A Pontevella (Sobradelo) e reuniu 20 participantes, completando o aforo previsto.

A sesión, guiada pola enóloga Cecilia Fernández, ofrecceu un percorrido sensorial polos sabores do outono a través dun coidado maridaxe entre viños das adegas Pinguela, Sampayolo e Casal, e unha selección de propostas gastronómicas centradas en produtos de caza e do bosque.

Durante a velada, o público puido degustar:

  • Croquetas de xabaril maridadas con Godello de Sampayolo.

  • Xabaril en caldeirada acompañado de Memoria de Ventura (garnacha) de Pinguela.

  • Empanada de cogomelos armonizada con Mencía de Casal.

A experiencia destacou polo seu ambiente cálido e próximo, nun espazo xa decorado para o Nadal e con vistas privilexiadas á ponte de Sobradelo. A enóloga Cecilia Fernández valorou moi positivamente a cita, subliñando a implicación dos asistentes e o disfrute xeral do grupo.

Esta segunda xornada súmase á celebrada a mediados de novembro en Escondite Inglés (A Rúa), onde participaron as adegas A Bágoa, Berna e Terriña, cun menú que incluíu solombo de porco con crema de castañas, cogomelos recheos de xamón serrano e queixo, e queixo brie ao forno con mel e pistachos.

Con estas dúas propostas, a Ruta do Viño de Valdeorras consolida “Sabores de Outono” como unha actividade que combina territorio, gastronomía e viño para gozar da estación cos cinco sentidos.

¡Hola! Soy el chatbot de la Ruta del Vino de Valdeorras ¿Puedo ayudarte?